luns, 31 de xullo de 2023

Todo un curso escolar

 Posiblemente algúns dos  momentos máis felices do pasado curso escolar. Unha recopilación de fotos de todo o curso presentadas coa aplicación Canva. Espero que vos guste.

Todo un curso escolar(2022-2023) de Ramon Pastoriza

martes, 20 de xuño de 2023

VIAXE EN TREN

   Por fin chegou o día da representación. Hoxe, os de 2º, despois de moitos días de ensaio e preparación de escenografía(máscaras, disfraces, tren,...) puidemos por en escea a peza teatral "Viaxe en tren", de Euloxio R. Ruibal. Esperamos que vos gustase; nós pasámolo moi ben. QUE NUNCA SE PERDA A MAXIA DO TEATRO!






domingo, 11 de xuño de 2023

GRANXEIROS POR UN DÍA

     O pasado luns, 5 de xuño, fixemos a última saída deste curso; visitamos o Ecoparque Atalaya, en Viascón(Cerdedo-Cotobade). Démoslle de comer aos animais:  galiñas, pombas, patos, ovellas, cabras,... Tamén puidemos ver cabalos e un porco celta. Ah!, e un burro!

     Despois de facer unha pausa para repoñer forzas, leváronnos a unha pequena horta na que plantamos millo e tamén fixemos unha plantación en altura con medias botellas de auga. Despois trouxémola para o colexio. Pasámolo moi ben e esperamos poder volver outro ano. Sería moi chulo poder





tirarse pola tirolina que teñen!

mércores, 7 de xuño de 2023

VISITAMOS A CASA-MUSEO ROSALÍA DE CASTRO

 O pasado 25 de maio os alumnos e mestres de 1º, 2º e 5º visitamos a Casa-Museo de Rosalía de Castro, tamén coñecida pola Casa da Matanza, situada en Padrón (A Coruña). A nosa universal poeta viviu ao longo da súa vida en distintas casas; aquí pasou os derradeiros anos da súa vida. Se fas clic AQUÍ podes atopar máis información sobre esta Casa e a obra da escritora máis sobranceira do Rexurdimento galego.







ACCIÓNS PARA SALVAR O NOSO PLANETA

Os alumnos de 2º xuntámonos por equipos. Preguntámonos que podiamos facer para protexer o noso planeta. Tivemos que chegar a acordos para plasmar as ideas máis importantes nun mural,sen repetirnos. Démonos conta de que non é doado poñernos a todos de acordo... pero é necesario aprender a facelo!


Como podemos protexer o noso planeta. de Ramon Pastoriza

mércores, 15 de marzo de 2023

XOGANDO COS LEGO

 Os de 2º aprendemos a montar un robot con pezas de lego. Iniciámonos na programación con We Do 2.0

E consegimos que se moveran as aspas do muíño.






xoves, 9 de febreiro de 2023

OBRADOIRO DE FILLOAS

Estamos en tempo de entroido, xa cheira a filloas e orellas. Que ricas!

No cole aprendemos a facer filloas coa profe Belén.

Escachamos e batemos tres ovos, botámoslle medio litro de leite, 200 gramos de fariña, unha cullerada de azucre e un chisco de sal. Aínda houbo que bater ben para que quedase un bo amoado.

Probámolas e... para chupar os dedos!

Coa "filloeira" podíanse facer dúas á vez
Que ben están así quentiñas!



mércores, 8 de febreiro de 2023

XORNADA MEDIOAMBIENTAL NO LAGO DE CASTIÑEIRAS

O pasado venres, 3 de febreiro, pasamos unha estupenda mañán no Lago de Castiñeiras. Grazas á colaboración da Asociación Juan XXIII, que ten un módulo de Formación Profesional Dual nas instalacións do antigo Centro de Recuperación de Aves, puidemos levar a cabo tres tipos de actividades. En primeiro lugar, visitar as instalacións e coñecer os novos proxectos para estes espacios. Despois, da man do Enxeñeiro de Montes Gaspar Bernárdez, percorremos a contorna do lago para coñecer a súa flora e fauna. Tamén pasamos un momento moi emocionante dándolle de comer ás cabras enanas e as ocas que hai dentro do valado. 

Por último, unha accción non menos emocionante, asistimos á plantación de varias árbores. En fin, que por un día nos convertimos en "axentes protectores do noso planeta". Agardamos que poidamos vivir moitos máis momentos coma este. 


Máis fotos na seguinte ligazón: https://photos.app.goo.gl/He5vv6LZ9YeoBpwT8